NOVE establece o horario de peche dos seus restaurantes á 1 da madrugada

 

Algo que xa viñan facendo de forma individual estableceuse coma directriz para favorecer unha hostalería máis sostible.

Para o grupo é fundamental respetar as condicións laborais e de conciliación dos seus traballadores para axudar a crear unha hostalería máis forte e sólida e consideran que esta é unha iniciativa que poden levar a cabo grazas a natureza dos seus establecementos.

Esta é unha das medidas que forman parte dos obxectivos do grupo establecidos no ano 2021 e que van enfocados a reconstruir a hostalería desde a raiz para deixarlle un mellor legado as xeracións máis novas e converter a hostalería nun sector atractivo no que levar a cabo a carreira profesional.

Diferentes accións aorredor da sostibilidade, da educación da sociedade en hábitos saudables ou a alimentación en nenos e maiores, son outros dos puntos clave que destacan na súa folla de ruta para este ano 2022.


NOVE e Estrella Galicia unen forzas para axudar a lograr unha hostalería sostible

 

A agrupación de cociñeiros e cociñeiras NOVE e a marca cervecera asinaron o 7 de marzo en MEGA - Museo Estrella Galicia un convenio de colaboración para o ano 2022.

Dentro do convenio realizaranse diferentes accións dirixidas a crear unha hostalería máis sostible, apoiar ao produto e aos produtores locais e concienciar sobre a importancia de coidar un dos nosos principais recursos, o mar.

 

NOVE e Estrella Galicia renovan a súa relación potenciando os obxectivos e os valores comúns. Entendendo este momento como unha época de cambio, ambas marcas queren aproveitar para levar a cabo accións que reforcen a hostalería e que apoien a sostibilidade e o impacto positivo.

Dentro do convenio englóbanse tres accións que se levarán a cabo ao longo do ano 2022 coa idea de que non sexan accións illadas senón que teñan unha continuidade no tempo e con nexos de unión entre todas para que o impacto sexa maior.

A primeira acción, xa pechada e definida, terá lugar na segunda metade de maio e consistirá nun encontro entre cociñeiros e cociñeiras NOVE e hostaleiros de Galicia. Neste encontro os cociñeiros NOVE compartirán os seus coñecementos sobre sostibilidade e a súa experiencia na obtención do certificado ISO 14001 cos seus compañeiros. Esta norma proporciona un marco de referencia para protexer o medio ambiente e responder ás condicións ambientais cambiantes, en equilibrio coas necesidades socioeconómicas, establecendo uns requisitos que posibiliten que unha organización mellore o seu desempeño ambiental.

A sostibilidade só vai existir se vai da man da autenticidade.
Roberto Filgueira, cociñeiro de NOVE

En outono celebrarase unha segunda acción enfocada a potenciar a cadea de valor e concienciar da importancia de consumir produtos locais e de tempada. Para NOVE é fundamental a relación estreita cos produtores da contorna e por iso queren adicar esta acción a darlles o protagonismo que merecen, a presentar os seus proxectos e a poñer diferentes temas en común con eles.

É importante concienciar de que o local é o que fará mover o mundo.
Daniel Guzmán, presidente de NOVE

A idea é celebrar diferentes eventos vinculados coa tempada onde os cociñeiros e cociñeiras NOVE e os produtores e produtoras poñan en valor o produto local e esperten o orgullo do que temos. Nestes encontros, Estrella Galicia e NOVE apadrinarán proxectos locais de pequenos produtores ofrecendo aos asistentes conversas cos produtores implicados sobre temas de interese.

A terceira acción, pendente de definir, irá dirixida a concienciar da importancia de coidar os nosos recursos e en especial o mar, clave na nosa gastronomía e xerador dun grande número de postos de traballo.Para deixar un mellor futuro para as nosas fillas e fillos é preciso mellorar a situación actual e frear o uso dos plásticos, que acaban contaminando o mar, entendendo a repercusión que ten isto na nosa saúde e na nosa economía.

Con estas tres accións, NOVE e Estrella Galicia renovan a súa estreita colaboración e aúnan esforzos para lograr un dos seus principais obxectivos: atopar solucións para axudar a reconstruir a hostalería desde a raíz e así deixar como legado ás xeracións futuras unha hostalería máis sostible.


Yayo Daporta e Javier Rodríguez “Taky” participaron no I Congreso ACDgal

 

A Asociación de Centros de Día de Galicia (ACDgal) celebrou o 21 e 22 de novembro do 2021 no monte do Gozo (Santiago de Compostela) o seu primeiro congreso ACDgal, un congreso enfocado en identificar novos retos para lograr unha nova vellez.

Dentro do congreso, Yayo Daporta e Javier Rodríguez “Taky”, en representación de NOVE, ofreceron unha charla sobre alimentación e calidade de vida, xa que a alimentación nos maiores é unha das preocupacións do grupo.

Coa súa intervención trataron de amosar a necesidade de buscar o vínculo emocional da comida máis aló do cumplimento meramente nutricional. Que a comida te faga sentir algo e te traia recordos de momentos, de tempos e do territorio no que habitas (por exemplo, comer orellas e lacón no entroido).Intentar vincular aos maiores co servizo de catering dos centros de día para crear un momento de disfrute e divertimento aorredor da comida. Todo isto, ademáis, pode axudar na estimulación da memoria e a xerar emocións.


Os restaurantes NOVE convírtense en salas de exhibición en apoio á enfermidade de Dent

 

A asociación Art for Dent uniu forzas coa agrupación de cociñeiros e cociñeiras NOVE para darlle visibilidade á esta doenza minoritaria que afecto aos riles.
Arte e gastronomía únense neste proxecto formando un binomio ideal a favor da investigación e a creatividade.

 

Art for Dent, Asociación Galega da Enfermidade de Dent nace en maio de 2021 a iniciativa dun grupo de familias galegas de Muros, Pontevedra, Lugo e Brión, con nenos afectados por esta enfermidade, unha doenza minoritaria que afecta gravemente ás funcións habituais dos riles.

Esta asociación utiliza a arte para visibilizar esta doenza minoritaria. Xuntos levan a cabo todo tipo de accións para dar a coñecer a enfermidade e recadar fondos para axudar na financiación da súa investigación. Neste caso a asociación uniu forzas coa agrupación dos cociñeiros e cociñeiras NOVE para utilizar os seus restaurantes como salas de exhibición.

 

Art for Dent e NOVE

O obxectivo principal da unión entre a asociación e a agrupación de cociñeiros é visibilizar a enfermidade. A Hugo, un dos nenos que padece desta doenza, encántalle pintar cadros, e guiado polo seu pai, comezou este proxecto en pleno confinamento, inspirándose en obras de Francis Bacon. Ata finais de ano os trazos de Hugo estarán expostos nos diferentes restaurantes NOVE, en cada restaurante un cadro, para que os comensais poidan coñecer a enfermidade de Dent de primeira man. Desta forma, poderán contemplar as obras de arte de Hugo mentres desfrutan da cociña de NOVE.

As persoas que visiten os restaurantes NOVE poderán desfrutar de “My Selfie” a obra favorita de Hugo ou “Ladrón de sueños”, unha homenaxe que o pequeno lle quiso facer a Pau Donés. Os cadros non están en venda pero pódese levar un ”pedaciño” deles a
través das camisetas ou tazas que venden na web do Rei Zentolo - https://reizentolo.es/525-art-for-dent e cuxo importe íntegro vai destinado directamente á investigación. Tamén poden visitar a web de Art for Dent se queren coñecer outras formas de colaborar - https://artfordent.es/

 

A enfermidade de Dent, unha doenza dos riles

A enfermidade de Dent está recoñecida como minoritaria. É unha doenza xenética provocada por unha mutación no cromosoma X que afecta gravemente ás funcións habituais dos riles. Éstos deixan de facer grande parte do seu traballo e provoca que o organismo non asimile elementos básicos para a vida como o potasio, magnesio, proteínas, vitaminas, calcio...

A día de hoxe esta doenza non ten cura nin tratamento, por iso o principal obxectivo da asociación é conseguir fondos para apoiar aos grupos referentes da investigación desta enfermidade: NefroChus (Hospital Clínico de Santiago de Compostela) -www.nefrochus.com- e no Vall d ́Hebrón (Barcelona) - www.vhir.org

 

Listado de cadros que se expoñen nos restaurantes NOVE:

"Mariano". Paprica
“Pepe”. A Gabeira
"Fernando". España
“Yago”. Silabario
“Rallo”. O Balado
"El Escondite I". A Parada das Bestas
"El Escondite III". Nova
“Ladrón de sueños I”. Bido
“Ladrón de sueños II” Maruja Limón
"Despertando del sueño". O Camiño do Inglés
“Vomitando sombras”. Salitre
"En la playa tomando el sol". NaDo
"Subiendo hasta el fin del mundo". Retiro da Costiña
“La enfermedad naranja”. A Tafona
“La sombra del miedo”. O Eirado
“Cara oculta”. Casa Solla
“My Selfie”. Culler de Pau

 

Para máis información preme aquí

 


Comunicado de NOVE sobre a situación no sector hostaleiro

Foi este último ano e medio tempo de asumir unha situación de risco, unha situación da cal no sector hostaleiro estivemos pendentes para entendela e adaptarnos a ela, sendo moi conscientes en todo momento de que se trata dunha pandemia mundial e de que o primeiro, sempre, é a saúde. Sabiamos que había que perder para gañar todos. Tocaba, polo tanto, mostrarse dispostos a facer todo o preciso, asumir peches, reducción de aforos… e así foi, o fixemos, en moitos casos incluso a pesar de ser máis que evidente a falta de planificación e de traballo tras esas decisións.

Ademais, ante a situación devastadora para a hostalería, ofrecímonos para formar un grupo de traballo xunto con expertos procedentes de distintas disciplinas para atopar a solución adecuada a unha situación a esas alturas totalmente descontrolada pola falta de previsión e traballo, pero non se nos tivo en conta.

Chegados a este punto, tras asumir todas as medidas, protocolos, normas e peches e despois dun ano e medio de descontrol, de falta de planificación e de escoita por parte do goberno competente, seguimos alerta para calquera situación pero cansos de decisións que consideramos que están xerando caos e incerteza e que indican o pouco interese que existe en buscar equilibrios e que non paguen sempre os mesmos.

Dado que a situación actual non é a mesma que a de meses pasados, algo deberiamos ter aprendido para poder atopar outras solucións e non impoñer normas froito de batallas estériles entre políticos máis preocupados por defender as súas ideas por cuestións partidistas que por apoiar a un sector ao cal están levando a ruína. Resulta evidente, unha vez máis, o alonxadas que están esas políticas das realidades que sufrimos os cidadáns, neste caso o sector da hostalería.

É imprescindible que non se debilite máis o sector, un sector que por si mesmo conta con elementos de risco como a precariade laboral ou a estacionalidade. Sen un plan de rescate firme e responsable, a hostalería vese abocada a tocar fondo e canto máis tempo pase máis complexo será recuperar un sector fundamental para a economía do país. É o momento de fortalecer as empresas pero sobre todo de entendelas.

O sector hostaleiro necesita solucións realistas acordes coa situación actual que protexan a saúde e respecten o noso traballo. Desde NOVE vamos a seguir poñendo todo o noso esforzo en traballar coa máxima seguridade, como fixemos ata agora pero negámonos a seguir acatando normas inxustas e impulsivas resultado dunha falta de organización, planificación e traballo, que nos deixan á deriva. Desta forma, asumimos como sector que temos que xestionar nós as nosas empresas ou negocios coa responsabilidade, a lóxica e a obxectividade coa que non as xestionan outros.


Daniel Guzmán, do restaurante Nova, novo presidente da agrupación de cociñeiros NOVE

 

O cociñeiro ourensán formará equipo directivo xunto con Javier Olleros, Álvaro Villasante e Daniel López

Esta mañá tivo lugar no C.I.F.P. Compostela Lamas de Abade o acto de votación de Daniel Guzmán como novo presidente de NOVE. Tras 9 anos encabezando o grupo, Miguel A. Campos deixa a presidencia arroupado polas palabras de agradecemento dos seus compañeiros e compañeiras da agrupación. E a deixa en mans de Daniel Guzmán, que presentou como proposta para a súa presidencia rodearse dun equipo de traballo formado por un voceiro de cada provincia. Deste xeito Javier Olleros (Culler de Pau) representará a Pontevedra, Álvaro Villasante (Paprica) a Lugo, Daniel López (O Camiño do Inglés) á provincia da Coruña e o propio Daniel Guzmán (Nova) á provincia de Ourense.

NOVE inicia nova presidencia con ganas de seguir camiñando cara os obxectivos que este ano o grupo perfilou con máis precisión coa actualización do seu decálogo. Seguir fomentando a cultura gastronómica e achegala ao maior número de persoas a través da educación, da formación e do fortalecemento da cadea de valor seguirá sendo o obxectivo principal, así como levar a cabo accións que potencien a sostibilidade, a responsabilidade coa contorna, a economía circular e o respecto ao produto.


Cinco novos soles Repsol para os cociñeiros e cociñeiras NOVE

 

Trala última edición da entrega dos soles da Guía Repsol o pasado luns 12, NOVE suma 5 novos soles grazas aos soles obtidos por As Garzas de Caco Agrasar (2 soles), NaDo de Iván Domínguez (1 sol), O Balado de Roberto Filgueira (1 sol) e O Camiño do Inglés de Daniel López (1 sol).

Con estes novos soles, a agrupación suma 30 soles entre todos os restaurantes. Os restaurantes NOVE con soles Repsol son:

3 soles Repsol:
Casa Solla - Pepe Solla
Culler de Pau - Javier Olleros

2 soles Repsol:
A Tafona - Lucía Freitas
As Garzas - Caco Agrasar
Bido - Juan Crujeiras
España - Héctor López
Maruja Limón - Rafa Centeno
Pepe Vieira - Pepe Vieira
Retiro da Costiña - Manuel Costiña
Yayo Daporta - Yayo Daporta

1 sol Repsol:
A Gabeira - Miguel A. Campos
O Eirado - Iñaki Bretal
NaDo - Iván Domínguez
Nova - Julio Sotomayor y Daniel Guzmán
O Balado - Roberto Filgueira
O Camiño do Inglés - Daniel López
Salitre - Caco Agrasar
Silabario - Alberto G. Prelcic


A marca NOVE finalista nos Premios Paraugas e unha das seleccionadas nos Premios Anuaria 2020

Tanto o deseño da marca NOVE como o deseño da web, ambas a cargo do estudio de comunicación visual Desoños, foron finalistas dos V Premios Paraugas da Comunicación e do Marketing de Galicia nas categorías de Mellor Deseño Gráfico e Mellor Deseño Dixital, respectivamente.

https://www.extradigital.es/habemus-finalistas-de-los-v-premios-paraugas/

 

Tamén neste mes de febreiro, a identidade da marca NOVE foi un dos proxectos seleccionados dentro dos Premios Anuaria 2020 ao Mellor Programa de Identidade Corporativa entre os mellores traballos realizados entre 2019 e 2020 en España.

https://www.veredictas.com/es/premios/premios-anuaria


Nove inicia negociacións coa Xunta apostando por unha reconstrución da hostalería desde a raíz

A agrupación de cociñeiros solicita un plan a longo prazo que asegure as axudas durante polo menos un ano tras a apertura.

Abrir con garantías e a existencia dun apoio real aos hostaleiros para que poidan permanecer pechados ata que a situación sexa máis estable é unha das súas demandas.

Nas últimas semanas a agrupación de cociñeiros NOVE mantivo un diálogo directo coa Xunta de Galicia, en concreto coa súa consellería de Turismo, para intentar atopar unha solución á situación que está a vivir a hostalería nestes tempos de pandemia. Partindo da premisa de que o primeiro e máis importante é a seguridade a nivel sanitario e ter moi en conta as cifras, o grupo puso sobre a mesa unha serie de peticións e de aportacións que consideran necesarias para entre todos iniciar unha reconstrución real da hostalería.

Desde NOVE manifestan a importancia de abrir con garantías. É preferible permanecer máis tempo pechados se iso garante unha reapertura máis segura a nivel sanitario e a nivel económico, xa que abrir e pechar constantemente destroza os negocios. Pero estes peches deben ir acompañados de axudas económicas que permitan aos negocios subsistir mentras non estean funcionando; o peche debe ser un peche con apoio, con axudas reais que se manteñan durante un ano tras a apertura dos establecementos para poder comezar esa reconstrución da hostalería cunha base solida.

A agrupación de cociñeiros galegos defende que esa reconstrución sexa desde a raiz. É preciso elaborar entre todos os axentes implicados - hostaleiros, produtores, escolas, economistas, médicos, etc - un plan de reconstrución serio, sostible e moi humano. As crises son tamén unha oportunidade de mellora. É primordial mellorar a hostalería e isto so será posible partindo da base e apostando pola educación e a sostibilidade. Aproveitar o incrible potencial da hostalería galega e darlle o lugar que merece debe ser un obxectivo prioritario, fomentando Galicia como destino seguro, saudable e sostible onde os protagonistas sexan o produto de calidade, un respeto ao mesmo ao longo de toda a cadea e unha educación que potencie o coñecemento sobre a gastronomía galega e as súas posibilidades.

NOVE considera necesaria a constitución dun comité de expertos procedentes de diferentes sectores que traballen nesta reconstrución. Unha reconstrución que debe ir pouco a pouco, como un traballo de fondo, asentando ben os cimentos, con vistas a longo prazo e que consiga deixarlle as novas xeracións unha hostalería de calidade, con mellores condicións e con máis estabilidade.


Nove finaliza o ano con 12 estrelas Michelín e as únicas 3 estrelas verdes de Galicia

Esta última gala Michelín foi unha gala exitosa para Galicia e para NOVE. Dentro da agrupación de cociñeiras e cociñeiros obtiveron estrelas: Culler de Pau, que conseguiu a primeira segunda estrela para Galicia e Silabario e O Eirado que lograron a súa primeira estrela. Desta forma, a metade dos cociñeiros NOVE teñen un restaurante que conta con estrela Michelín.

Ademáis, seguindo a estela de traballo da agrupación, que aposta pola sostibilidade, a saúde e os produtos de cercanía e tempada, tres dos cociñeiros do grupo foron premiados cunha estrela verde - das 21 que se repartiron en todo o país - unha nova categoría outorgada pola guía que pon en valor a sostibilidade dos restaurantes. Pepe Vieira(Pepe Vieira) , Roberto Filgueira (O Balado) e Javier Olleros (Culler de Pau) xa contan nos seus establecementos con esta nova distinción Michelín.