NOVE impulsou unha nova edición de “Cociña +60”, achegando a cociña saudable ás persoas maiores do rural galego

A asociación NOVE celebrou unha nova edición de “Cociña +60. Receitas de vida”, un proxecto social que tivo como obxectivo mellorar os hábitos alimentarios das persoas maiores e fomentar a súa autonomía na cociña. Tras o éxito da edición anterior —na que participaron máis de 200 persoas— o programa desenvolveuse este ano en formato máis próximo ao territorio, con obradoiros en catro localidades do rural galego e unha única parada urbana en Lugo.

A iniciativa, organizada por NOVE e FAMYC Ferrolterra, combinou a experiencia culinaria dos cociñeiros e cociñeiras do colectivo coa labor de nutricionistas galegas. Ao longo dos encontros, as persoas participantes aprenderon a preparar receitas saudables, económicas e sinxelas, ademais de recibir información sobre seguridade alimentaria, conservación e planificación de menús adaptados ás súas necesidades.

Obradoiros no territorio: catro encontros para promover hábitos saudables

O programa comezou en Lugo o 17 de novembro no Centro de Saúde Integral Lugo, cun obradoiro dirixido polos cociñeiros Álvaro Villasante e Beatriz Sotelo.

O segundo encontro tivo lugar o 18 de novembro en As Pontes, na AVV A Choupana, da man de Daniel López e Iván Domínguez, acompañados pola nutricionista Lucía Miyar Gil.

En Boiro, o 24 de novembro, o Centro Social acolleu a terceira sesión, impartida por Caco Agrasar e Iñaki Bretal, coa nutricionista Sara Rivas Pereira.

A última cita celebrouse o 25 de novembro en Becerreá, no CIS local, con Héctor López e Roberto Filgueira, acompañados polo nutricionista Jesús José Rodríguez Cedrón.

Un proxecto consolidado no acompañamento ás persoas maiores

“Cociña +60” naceu hai tres anos da man de FAMYC Ferrolterra cos primeiros obradoiros coordinados polo cociñeiro de NOVE Daniel López e a nutricionista Susana Oreona. O impacto positivo daquel inicio levou a NOVE a expandir o programa por toda Galicia, consolidándoo como unha das súas iniciativas sociais de referencia.

Desde o colectivo destacaron a boa acollida desta edición: “Volvemos comprobar o agradecemento das persoas maiores e a importancia de achegarnos especialmente ás zonas rurais, onde este tipo de actividades non sempre teñen presenza”.

A iniciativa contou co patrocinio de GADIS, reforzando o seu compromiso coa promoción de hábitos saudables e co produto local, e coa colaboración do CIS de Lugo, o CIS de Becerreá e os concellos de Boiro e As Pontes.