Todos os cociñeiros e cociñeiras galegos están colaborando estes días coa Federación Alzhéimer Galicia (FAGAL) a través dunha proposta denominada “Os sentidos da memoria”. Esta colaboración inclúe distintas sesións fotográficas para elaborar un libro de receitas, entrevistas e a gravación dun vídeo que se están realizando nos distintos restaurantes NOVE.
Durante estas sesións, cada cociñeiro de NOVE prepara xunto cunha usuaria dun dos centros que forman parte de FAGAL, a receita do recordo desa usuaria e comparten unha charla sobre os seus recordos, a súa vida ou os seus gustos.
O obxectivo é resaltar o papel da estimulación sensorial mediante actividades como a cociña como unha terapia complementaria no tratamento do Alzhéimer, dado que esta estimulación desencadea recordos, emocións e respostas motoras en persoas con demencia.