Miguel Vidal de Bancal e Manu Núñez de Besta, novas incorporacións de NOVE.
A agrupación de cociñeiros galegos aposta nesta ocasión por incorporan cociñeiros que fan cociña galega fóra de Galicia.
NOVE suma así 29 membros, entre os cales figuran 11 restaurantes con estrela Michelín (dous deles con dobre estrela) e con 33 soles Repsol
A presentación tivo lugar no restaurante Bancal (Madrid) con motivo do evento “Galicia sabe a origen”
Os cociñeiros e cociñeiras Nove decidiron incorporar ao grupo a Miguel Vidal e Manu Núñez debido á defensa que están a facer da cociña galega, dos nosos produtos e dos nosos produtores, en cidades como Madrid e Barcelona, facendo marca Galicia fóra de Galicia. Esta é a primeira vez que a agrupación pasa fronteiras para incorporar novos membros.

Manu Núñez (Sada), que xa colaborou con NOVE sendo o xefe de cociña do equipo de NAVE NOVE, entra a formar parte da agrupación da man de Besta (Barcelona), que xestiona xunto con Carles Ramón e onde ofrece unha gastronomía que bebe tanto do Atlántico coma do Mediterráneo ao igual que ocorre en Batea (Barcelona), unha marisquería bistró compartida con Marta Morales e con Carles Ramón
A proposta de Miguel Vidal (A Coruña) é unha aposta pola cociña galega de vangarda no pleno corazón de Chueca, onde se atopa o seu restaurante Morgana (Madrid), que xestiona xunto a Augusto Álvarez. Ademais, Miguel é socio de Bancal (Madrid) , un restaurante con horta urbana situado nun pazo do barrio de Salamanca. O cociñeiro coruñés ofrece tamén as súas mellores receitas de empanada galega na súa empresa de servizo a domicilio Mai e Matucha (Madrid).
Os novos membros únense a Nove orgullosos e motivados por comezar a pertencer a unha agrupación gastronómica que é un referente en Galicia e que amosa a nivel internacional a cociña da terra. Para Manu, que tivo a Pepe Vieira como profesor na escola de hostalería, sempre houbo un vínculo con NOVE e sempre o tivo como imaxe de éxito no oficio. Para el NOVE é a raíz dos seus comezos e pasar de ser admirador a ser partícipe é un fito moi importante na súa carreira xa que supón un gran recoñecemento na súa terra. Miguel lembra tamén aos cociñeiros NOVE acudindo á escola cando estudiaba e os sinte como os seus referentes. Para el entrar en NOVE significa potenciar ese vínculo que ten coa gastronomía galega e un paso máis no seu traballo como embaixador da nosa terra en Madrid.


