NOVE celebra dous novos fitos da gastronomía galega na Guía Michelin 2026

A gastronomía galega vive un momento histórico e NOVE, a asociación que reúne a 29 cociñeiros galegos con 16 estrelas Michelin e 3 estrelas verdes, continúa sendo referente no impulso e consolidación do talento do país. Na recente gala da Guía Michelin 2026, o restaurante Vértigo, en Lugo, dirixido por Rafa Centeno, conseguiu a súa primeira estrela Michelin, converténdose no primeiro restaurante da provincia en lograr este recoñecemento. Ao mesmo tempo, o cociñeiro ourensán Miguel González recuperou a estrela que xa tivera previamente tras trasladar o seu proxecto ao centro de Ourense, consolidando así o seu retorno á excelencia.

Estes dous fitos confirman a vitalidade e a creatividade da cociña galega, que segue a medrar e gañando proxección tanto a nivel nacional como internacional. O recoñecemento a Vértigo destaca a súa proposta innovadora na Ribeira Sacra, unha experiencia de adega baseada no produto local, viños da zona e pratos que dialogan coa tradición e o territorio. 

Pola súa banda, Miguel González reafirma a súa cociña contemporánea con raíces galegas, baseada en menús sorpresa e na calidade do produto do día, mantendo un equilibrio entre técnica, sensibilidade e identidade propia.

Para NOVE, estas novas estrelas Michelin non só son un motivo de orgullo, senón tamén unha reafirmación do seu papel como colectivo clave no desenvolvemento da alta cociña galega. Ao longo de máis de dúas décadas, NOVE vén acompañando xeracións de cociñeiros e cociñeiras, promovendo a innovación, o respecto polo territorio e a excelencia, e consolidando Galicia como un dos referentes gastronómicos máis sólidos do panorama internacional.


NOVE impulsou unha nova edición de “Cociña +60”, achegando a cociña saudable ás persoas maiores do rural galego

A asociación NOVE celebrou unha nova edición de “Cociña +60. Receitas de vida”, un proxecto social que tivo como obxectivo mellorar os hábitos alimentarios das persoas maiores e fomentar a súa autonomía na cociña. Tras o éxito da edición anterior —na que participaron máis de 200 persoas— o programa desenvolveuse este ano en formato máis próximo ao territorio, con obradoiros en catro localidades do rural galego e unha única parada urbana en Lugo.

A iniciativa, organizada por NOVE e FAMYC Ferrolterra, combinou a experiencia culinaria dos cociñeiros e cociñeiras do colectivo coa labor de nutricionistas galegas. Ao longo dos encontros, as persoas participantes aprenderon a preparar receitas saudables, económicas e sinxelas, ademais de recibir información sobre seguridade alimentaria, conservación e planificación de menús adaptados ás súas necesidades.

Obradoiros no territorio: catro encontros para promover hábitos saudables

O programa comezou en Lugo o 17 de novembro no Centro de Saúde Integral Lugo, cun obradoiro dirixido polos cociñeiros Álvaro Villasante e Beatriz Sotelo.

O segundo encontro tivo lugar o 18 de novembro en As Pontes, na AVV A Choupana, da man de Daniel López e Iván Domínguez, acompañados pola nutricionista Lucía Miyar Gil.

En Boiro, o 24 de novembro, o Centro Social acolleu a terceira sesión, impartida por Caco Agrasar e Iñaki Bretal, coa nutricionista Sara Rivas Pereira.

A última cita celebrouse o 25 de novembro en Becerreá, no CIS local, con Héctor López e Roberto Filgueira, acompañados polo nutricionista Jesús José Rodríguez Cedrón.

Un proxecto consolidado no acompañamento ás persoas maiores

“Cociña +60” naceu hai tres anos da man de FAMYC Ferrolterra cos primeiros obradoiros coordinados polo cociñeiro de NOVE Daniel López e a nutricionista Susana Oreona. O impacto positivo daquel inicio levou a NOVE a expandir o programa por toda Galicia, consolidándoo como unha das súas iniciativas sociais de referencia.

Desde o colectivo destacaron a boa acollida desta edición: “Volvemos comprobar o agradecemento das persoas maiores e a importancia de achegarnos especialmente ás zonas rurais, onde este tipo de actividades non sempre teñen presenza”.

A iniciativa contou co patrocinio de GADIS, reforzando o seu compromiso coa promoción de hábitos saudables e co produto local, e coa colaboración do CIS de Lugo, o CIS de Becerreá e os concellos de Boiro e As Pontes.


NOVE reforzou a súa presenza no festival “Nos Seus Pés” cun Tapeo Solidario máis amplo ca nunca

A agrupación de cociñeiros NOVE participou un ano máis no festival solidario Nos Seus Pés, que celebrou a súa VII edición no Grove, consolidando unha presenza gastronómica especialmente destacada. O colectivo, que colaborou en todas as edicións do festival desde a súa creación, mantivo así o seu compromiso coa iniciativa, que destina a recadación á oenegué Proem-Aid. Nesta ocasión, o evento contou cun Tapeo Solidario ampliado, no que unha decena de profesionais de NOVE ofreceron as súas elaboracións ao público.

O venres 17 de outubro, desde as 20:00 horas na Praza do Corgo, e o sábado 18, durante a sesión vermú a partir das 13:00, os asistentes puideron degustar unha variada selección de petiscos creados polos cociñeiros e cociñeiras de NOVE, acompañados tamén por propostas de profesionais locais.

Participaron no tapeo os cociñeiros NOVE:

  • Héctor López (Restaurante España, Lugo)
  • Iñaki Bretal (O Eirado, Pontevedra)
  • Javier González (Ourense)
  • Javier Rodríguez Ponte “Taky” (Catering Boketé, A Coruña)
  • Juan Crujeiras (Bido, A Coruña)
  • Miguel Vidal (Bancal, Madrid)
  • Roberto Filgueira (O Balado, Boqueixón)
  • Yayo Daporta (Yayo Daporta, Cambados)

Xunto a eles participaron cociñeiros e cociñeiras do Grove:
Manuel Domínguez (Senlleiro), Marcos Otero (Afuego Tapería), Maruxa (Portiño), Óscar Cousido (Plaza) e Sandra e Pata (Jueso de caña).

A programación culinaria completouse o domingo 19 ao mediodía cunha paella popular preparada polo cociñeiro NOVE Iván Domínguez (NaDo, A Coruña), que puxo o broche final ao apartado gastronómico desta edición.

   


NOVE participou no VIII Concurso de Cociña “En ASPACE cociñamos xuntos”

Cinco cociñeiros de NOVE formaron parte do xurado do concurso de cociña que a Federación ASPACE-Galicia leva a cabo en diferentes cidades galegas.

Este ano, ASPACE Galicia (Federación Galega de Asociacións de Atención a Persoas con Parálise Cerebral e/ou Patoloxías Afíns) celebrou a final do concurso o 4 de xuño no Mercado de Abastos de Pontevedra. Os participantes con parálise cerebral de ASPACE Coruña, Amencer, APAMP e Aspace Lugo, acompañados dun familiar ou profesional da súa entidade, prepararon as súas receitas centradas na tenreira galega.

Varios cociñeiros de NOVE – Dani Guzmán, Yayo Daporta, Roberto Filgueira, Álvaro Villasante e Iñaki Bretal – colaboraron con ASPACE formando parte do xurado tanto nas distintas semifinais como na final, e axudaron a escoller como gañadoras a Laura Maquiera Almeida, Rosa Isabel Araya Crespo e Mónica Ramos, de APAMP na modalidade de texturizados, e a Francisco Acuña Martínez, Mari Carmen Mougán e Cristina Covas, de Amencer, na modalidade tradicional.

Ademais, NOVE colabora co concurso achegando como premio un bono para cada grupo gañador, canxeable nun dos restaurantes NOVE.

   


Miguel Vidal de Bancal e Manu Núñez de Besta, novas incorporacións de NOVE.

A agrupación de cociñeiros galegos aposta nesta ocasión por incorporan cociñeiros que fan cociña galega fóra de Galicia.

NOVE suma así 29 membros, entre os cales figuran 11 restaurantes con estrela Michelín (dous deles con dobre estrela) e con 33 soles Repsol

A presentación tivo lugar no restaurante Bancal (Madrid) con motivo do evento “Galicia sabe a origen”

Os cociñeiros e cociñeiras Nove decidiron incorporar ao grupo a Miguel Vidal e Manu Núñez debido á defensa que están a facer da cociña galega, dos nosos produtos e dos nosos produtores, en cidades como Madrid e Barcelona, facendo marca Galicia fóra de Galicia. Esta é a primeira vez que a agrupación pasa fronteiras para incorporar novos membros.

Manu Núñez (Sada), que xa colaborou con NOVE sendo o xefe de cociña do equipo de NAVE NOVE, entra a formar parte da agrupación da man de Besta (Barcelona), que xestiona xunto con Carles Ramón e onde ofrece unha gastronomía que bebe tanto do Atlántico coma do Mediterráneo ao igual que ocorre en Batea (Barcelona), unha marisquería bistró compartida con Marta Morales e con Carles Ramón

A proposta de Miguel Vidal (A Coruña) é unha aposta pola cociña galega de vangarda no pleno corazón de Chueca, onde se atopa o seu restaurante Morgana (Madrid), que xestiona xunto a Augusto Álvarez. Ademais, Miguel é socio de Bancal (Madrid) , un restaurante con horta urbana situado nun pazo do barrio de Salamanca. O cociñeiro coruñés ofrece tamén as súas mellores receitas de empanada galega na súa empresa de servizo a domicilio Mai e Matucha (Madrid).

Os novos membros únense a Nove orgullosos e motivados por comezar a pertencer a unha agrupación gastronómica que é un referente en Galicia e que amosa a nivel internacional a cociña da terra. Para Manu, que tivo a Pepe Vieira como profesor na escola de hostalería, sempre houbo un vínculo con NOVE e sempre o tivo como imaxe de éxito no oficio. Para el NOVE é a raíz dos seus comezos e pasar de ser admirador a ser partícipe é un fito moi importante na súa carreira xa que supón un gran recoñecemento na súa terra. Miguel lembra tamén aos cociñeiros NOVE acudindo á escola cando estudiaba e os sinte como os seus referentes. Para el entrar en NOVE significa potenciar ese vínculo que ten coa gastronomía galega e un paso máis no seu traballo como embaixador da nosa terra en Madrid.


Héctor López, do restaurante España, novo presidente da agrupación de cociñeiros NOVE.

O cociñeiro lucense formará equipo directivo xunto con Lucía Freitas, Javier Rodríguez Ponte “Taky” e Juan Crujeiras

Tras 4 anos encabezando o grupo, Daniel Guzmán deixa a presidencia arropado polas palabras de agradecemento dos seus compañeiros e compañeiras da agrupación. E a deixa en mans de Héctor López, que presentou como proposta para a súa presidencia rodearse dun equipo de traballo formado por Lucía Freitas (Restaurante A Tafona), Javier Rodríguez Ponte “Taky” (Responsable do catering Boketé) e Juan Crujeiras (Restaurante Bido)

A nova presidencia de NOVE quere continuar co percorrido destes últimos anos, fomentando a cultura gastronómica e achegándoa ao maior número de persoas a través da educación, da formación e do fortalecemento da cadea de valor. 

Así mesmo, desde a directiva de NOVE e seguindo o sentir xeral do grupo, a intención é seguir apostando por accións de carácter social como as que se levaron a cabo o último ano. Exemplos disto son a colaboración no proxecto “Os Sentidos da Memoria” de FAGAL (Federación Alzheimer Galicia), os talleres de cociña “Cociña +60. Receitas de vida” para persoas maiores que viven soas e que NOVE levou a cabo xunto con FAMYC, AFundación e Gadis, a súa colaboración como xurado no concurso de cociña “En ASPACE cociñamos xuntos” organizado pola federación de parálise cerebral ASPACE ou a súa colaboración co festival solidario para persoas solidarias Nos Seus Pés. 

Tamén consideran un obxectivo de futuro seguir potenciando a relación co norte de Portugal, para o cal estanse agora mesmo deseñando varias accións e xa se está a executar a primeira, “Un café con NOVE - Portugal”, un proxecto de NOVE e Cafés Candelas consistente nunha serie de vídeos que rexistran conversas entre cociñeiros NOVE e cociñeiros de prestixio do norte do país veciño.


Máis de 200 persoas maiores desfrutaron de obradoiros de cociña impartidos por cociñeiros NOVE nunha iniciativa na que participaron FAMYC, Afundación e GADIS

Os obradoiros celebráronse e o  luns 2 de decembro en oito cidades galegas de forma simultánea nos espazos+60 de Afundación e cada un estivo guiado por dous cociñeiros NOVE.

Con esta acción buscouse mostrarlles ás persoas maiores que viven soas como elaborar un menú saudable e equilibrado gastando pouco diñeiro, aproveitando ao máximo a súa compra, ensuciando o menos posible e dedicándolle escaso tempo. 

Os obradoiros tiveron lugar nos Espazos +60 de Afundación da Coruña, Lugo, Monforte, Ourense, Pontedeume, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo, e estiveron enfocados a mostrarlles aos asistentes como deseñar un menú saudable e equilibrado sen gastar moito na compra, aproveitándoa ao máximo e sen ter que levar a cabo unha preparación complicada nin que implique moito tempo. O que se pretendeu con esta acción é facilitarlles o seu día a día ás persoas maiores que viven soas, achegándolles, ademais, consellos para evitar intoxicacións e para a boa conservación dos alimentos.

Unha das cidades onde se puido disfrutar da cociña de NOVE foi Vigo, onde Alberto G. Prelcic (Silabario) preparou, entre outras cousas, un potaxe de vixilia; en Monforte, Álvaro Villasante (Paprica) e María Varela (A Parada das Bestas) ensinaron o bo aproveitamento dunha pescada; na Coruña, Javier Rodríguez “Taky” (responsable do catering Boketé) e Iván Domínguez (NaDo) centraron parte do seu menú na boa utilización das patacas. En Santiago estiveron cociñando Lucía Freitas (A Tafona) e Juan Crujeiras (Bido); en Pontevedra, Rafa Centeno (Maruja Limón), en Ourense, Daniel Guzmán e Julio Sotomayor, de Nova; en Pontedeume, Daniel López (O Camiño do Inglés) e en Lugo, Héctor López (España) e Antonio Botana (Ramonita).

Nalgúns dos obradoiros contouse co apoio dos nutricionistas Oliver Sambad Baliña, Lucía Miyar, David Torres, Sara Rivas, Laura Campello e Mónica Vicho que achegaron máis información sobre hábitos de alimentación saudables. Ademais 

contouse coa axuda de varias voluntarias de FAMYC e do apoio de Grandes Amigos Vigo e de ATEGAL.

Esta iniciativa comezou hai tres anos da man de FAMYC Ferrolterra (Fundación de Axuda a Maiores e os seus Coidadores), coa realización de cinco obradoiros semellantes que foron impartidos nas cidades de Ferrol e Narón polo cociñeiro NOVE Daniel López e a nutricionista e farmaceútica Susana Oreona. Desde NOVE apreciouse o bo facer de FAMYC, o bo resultado obtido e a necesidade de accións deste tipo para unha parte importante da nosa sociedade e decidiron amplialo a toda Galicia para chegar ao maior número de maiores posible. Isto foi posible grazas a Afundación, unha das entidades máis recoñecidas da nosa comunidade na promoción do envellecemento activo e saudable, que aportan os seus espazos e ao 

seu equipo e a Gadis, que ven de colaborar co Grupo Nove e Fagal (Federación Alzhéimer Galicia) na edición do recetario ‘Os sentidos da Memoria’, un claro exemplo do compromiso que Gadis ten coa sociedade, e que neste proxecto aporta os produtos eo seu patrocinio. 

“Cociña +60. Receitas de vida” é un proxecto organizado por NOVE xunto con FAMYC, Afundación e GADIS.


O Retiro da Costiña consegue a súa segunda estrela Michelín

 

O restaurante xestionado por Manuel Costiña convértese no terceiro
restaurante galego en acadar a súa segunda estrela, xunto con Culler de
Pau e Pepe Vieira, todos eles pertencentes ao grupo NOVE.

A guía Michelin premia un proxecto baseado nunha longa tradición familiar
que, tras pasar de pais a fillos desde 1939, e despois de conseguir a súa
primeira estrela no 2008, soubo crecer, madurar e converterse nunha
verdadeira institución da alta cociña galega.

Nove reúne así, entre todos os restaurantes que pertencen ao grupo, 14
estrelas Michelín das 20 estrelas que brillan en Galicia.


Os cociñeiros da agrupación gastronómica NOVE comparten as súas cociñas con usuarias da Federación Alzheimer Galicia

Vintesete usuarias de FAGAL cociñaron as receitas do seu recordo con
vintesete cociñeiros NOVE nos seus restaurantes dentro do proxecto; Os
sentidos da memoria"

Esta mañá presentáronse no hotel NH collection de Santiago de
Compostela un libro recetario e un vídeo resultantes destas sesións de cociñado..

“O feito de cociñar activa todos os nosos sentidos e estes, a súa vez,
activan diversos aspectos das nosas mentes”. Con este punto de partida
púxose en marcha o proxecto “Os sentidos da memoria” , un proxecto da
Federación Alzheimer Galicia (FAGAL), composta por 15 asociacións
galegas de alzhéimer que suman máis de 5.000 familias Este proxecto ten
coma obxectivo mostrar os múltiples rostros que teñen as demencias e
tamén mostrar que a loita contra os seus efectos atópase en parte na
actitude de cada un dos membros da sociedade.

Por iso, neste ano 2024 decidiron lanzar o proxecto “Os sentidos da
memoria” e contar coa colaboración de NOVE para levalo a cabo, debido á
importancia da cociña como actividade que fomenta a activación da
memoria e a participación dos maiores en accións que lles fagan gozar.

No evento de hoxe, ao que asistiron representantes de todas as
asociacións de familiares de persoas cunha demencia e os cociñeiros
NOVE, presentouse un libro receitario solidario e un video making of
resultado de documentar todo o proceso e que reflicte o bo momento
compartido polas usuarias de FAGAL e polos cociñeiros NOVE mentres
cociñaban xuntos.

O receitario solidario recolle 27 pratos elaborados conxuntamente por
persoas cun diagnóstico de demencia e un cociñeiro NOVE, pratos que
foron cociñados por cada parella nos diferentes restaurante NOVE e
que en breve porase á venta a través das canles de FAGAL.

“Este tipo de iniciativas sácanos do noso día a día e fainos ver as cousas
que realmente son importantes” , Daniel Guzmán, presidente de NOVE.

“Encantoume participar no proxecto porque volvín a cociñar a torta de
roxóns que non cociñaba desde que vivía no campo e faciamos a
matanza do porco.” Mucha Pousa, usuaria de FAGAL.

“NOVE existe para facer proxectos coma este, que axudan a que non se
perdan todos eses recordos e bagaxes de todas estas mulleres que foron
as que nos sostiveron e por iso gracias a elas estamos aquí” Lucia Freitas,
cociñeira NOVE.

Desde NOVE, destacan que co proceso de elaboración deste libro
receitario non só se consigue a importante tarefa de incentivar a memoria
das usuarias de FAGAL e facerlles desfrutar dunha xornada diferente
onde se sintan realizadas e motivadas, senon que, ademais, axuda a
protexer o patrimonio inmaterial de coñecementos que as usuarias de
FAGAL poseen pola súa experiencia vital e a recoller todas esas receitas
tradicionais que forman parte da cultura gastronómica galega.


NOVE participou no tapeo solidario do festival meco Nos seus pés

A VI edición do festival solidario Nos Seus pés celebrouse os días 18, 19 e 20 de outubro na Praza do Corgo de O Grove. Un ano máis, “Nos Seus Pés uniu á veciñanza do Grove e visitantes para recadar fondos para a organización humanitaria Proem-aid, que realiza programas de atención a persoas migrantes nas Illas Canarias.

A actividade que deu inicio ao festival foi o “Tapeo Solidario”, unha iniciativa que naceu da implicación do cociñeiro Javi Olleros, de Culler de Pau e membro de NOVE, co festival. A partir das 20:00 na Praza do Corgo do Grove reuníronse grandes nomes da cociña galega como o propio Olleros, Yayo Daporta, Roberto Filgueira, Javier González, Héctor López, Álvaro Villasante ou Julio Sotomayor, xunto a propostas locais da man de Alex Laiño e Marcos Otero. Todo o recadado durante o tapeo destinouse á organización humanitaria Proem-aid.