NOVE celebra dous novos fitos da gastronomía galega na Guía Michelin 2026

A gastronomía galega vive un momento histórico e NOVE, a asociación que reúne a 29 cociñeiros galegos con 16 estrelas Michelin e 3 estrelas verdes, continúa sendo referente no impulso e consolidación do talento do país. Na recente gala da Guía Michelin 2026, o restaurante Vértigo, en Lugo, dirixido por Rafa Centeno, conseguiu a súa primeira estrela Michelin, converténdose no primeiro restaurante da provincia en lograr este recoñecemento. Ao mesmo tempo, o cociñeiro ourensán Miguel González recuperou a estrela que xa tivera previamente tras trasladar o seu proxecto ao centro de Ourense, consolidando así o seu retorno á excelencia.
Estes dous fitos confirman a vitalidade e a creatividade da cociña galega, que segue a medrar e gañando proxección tanto a nivel nacional como internacional. O recoñecemento a Vértigo destaca a súa proposta innovadora na Ribeira Sacra, unha experiencia de adega baseada no produto local, viños da zona e pratos que dialogan coa tradición e o territorio.
Pola súa banda, Miguel González reafirma a súa cociña contemporánea con raíces galegas, baseada en menús sorpresa e na calidade do produto do día, mantendo un equilibrio entre técnica, sensibilidade e identidade propia.
Para NOVE, estas novas estrelas Michelin non só son un motivo de orgullo, senón tamén unha reafirmación do seu papel como colectivo clave no desenvolvemento da alta cociña galega. Ao longo de máis de dúas décadas, NOVE vén acompañando xeracións de cociñeiros e cociñeiras, promovendo a innovación, o respecto polo territorio e a excelencia, e consolidando Galicia como un dos referentes gastronómicos máis sólidos do panorama internacional.

