NOVE participou no VIII Concurso de Cociña “En ASPACE cociñamos xuntos”

Cinco cociñeiros de NOVE formaron parte do xurado do concurso de cociña que a Federación ASPACE-Galicia leva a cabo en diferentes cidades galegas.

Este ano, ASPACE Galicia (Federación Galega de Asociacións de Atención a Persoas con Parálise Cerebral e/ou Patoloxías Afíns) celebrou a final do concurso o 4 de xuño no Mercado de Abastos de Pontevedra. Os participantes con parálise cerebral de ASPACE Coruña, Amencer, APAMP e Aspace Lugo, acompañados dun familiar ou profesional da súa entidade, prepararon as súas receitas centradas na tenreira galega.

Varios cociñeiros de NOVE – Dani Guzmán, Yayo Daporta, Roberto Filgueira, Álvaro Villasante e Iñaki Bretal – colaboraron con ASPACE formando parte do xurado tanto nas distintas semifinais como na final, e axudaron a escoller como gañadoras a Laura Maquiera Almeida, Rosa Isabel Araya Crespo e Mónica Ramos, de APAMP na modalidade de texturizados, e a Francisco Acuña Martínez, Mari Carmen Mougán e Cristina Covas, de Amencer, na modalidade tradicional.

Ademais, NOVE colabora co concurso achegando como premio un bono para cada grupo gañador, canxeable nun dos restaurantes NOVE.