Novas incorporacións de Nove

A agrupación de cociñeiros galegos suma así 28 membros, entre os cales figuran 12 restaurantes con estrela Michelín, 31 soles Repsol e 3 estrelas verdes.

Os cociñeiros e cociñeiras Nove decidiron incorporar ao grupo a Lydia del Olmo, Xosé Magalhaes, Alberto Cruz e Miguel González sendo fieis a un dos seus principios: apoiar as persoas que están no camiño da excelencia na hostelería en Galicia.

Os novos membros únense a Nove orgullosos e motivados por comezar a pertencer a unha agrupación gastronómica que é un referente en Galicia e que amosa a nivel internacional a cociña da terra.

Lydia del Olmo e Xosé Magalhaes entran en Nove da man de Ceibe, restaurante ourensán onde Lydia e Xosé levan a cabo o seu proxecto de vida nun espazo no que non hai barreiras, un lugar onde a sala e a cociña fúndense lembrando aos antigos fogares galegos onde as cociñas eran o núcleo de todo. Para Lydia entrar en NOVE supón “un orgullo por tratarse dun grupo con tanta historia e que fai tanto por Galicia. Eles e elas son os piares de todos os que vimos detrás. Asumo con ganas a responsabilidade de intentar sumar para levar a cabo novas iniciativas e seguir apostando por Galicia e por dar valor ao noso”. Para Xosé a satisfacción é enorme “ e a alegría é dobre xa que estudiamos seguindo todo os seu traballo e ademáis nos formamos nas casas de varios deles. Tamén o sinto como unha responsabilidade sana, unha responsabilidade de estar á altura e defender os valores do grupo que son valores que xa compartimos desde a nosa casa”

A de Alberto Cruz é unha aposta polo rural, pola natureza, polas cores do mar, a terra e o ceo que se reflicten nos seus pratos. Landua é un restaurante situado en Mazaricos, preto da fervenza de Ézaro e onde o ritmo o marcan as estacións xa que o menú se plantexa cada tempada en función dos produtos que atopan na lonxa e na súa contorna. Alberto ve a súa entrada en NOVE coma unha oportunidade “para nós que somos un restaurante pequeno. É importante darlle visibilidade ao rural. Estamos moi agradecidos”

O restaurante de Miguel González, que conta cunha estrela Michelín, recibe aos comensais en O Pereiro do Aguiar, unha pequena aldea de Ourense, rodeados de natureza e calma. Nos seus pratos, que cambian cada día en función da materia prima que teñan os seus produtores de confianza, os visitantes atoparán unha cociña de recordos, de sensacións e de técnica. A ilusión nótase nas palabras de Miguel ao falar da súa incorporación a NOVE “sempre me gustou o traballo de NOVE e compartín momentos con eles. Para min sempre foi un soño e unha ilusión poder formar parte do grupo e agora chegou. Síntome moi agradecido polo apoio e quero darlles as grazas por querer contar comigo”

Estes catro novos membros pasan a formar parte de Nove xunto con Lucía Freitas, Pepe Vieira, Rafa Centeno, Iván Domínguez, María Varela, Pepe Solla, Iñaki Bretal, Héctor López, Javier Olleros, Beatriz Sotelo, Daniel Guzmán, Julio Sotomayor, Manuel Costiña, Daniel López, Antonio Botana, Yayo Daporta, Roberto Filgueira, Juan Crujeiras, Alberto G. Prelcic, Álvaro Villasante, Miguel A. Campos, Javier González, Javier Rodríguez “Taky” e Caco Agrasar.