Falamos con Juan Crujeiras sobre World Central Kitchen
“E de súpeto atopámonos coas portas do restaurante pechadas, e me vexo na casa, consternado, perdido, coa esperanza de que quince días pechados pasarán cedo e despois todo voltará á normalidade. Pero non tardo en decatarme de que non vai ser así. Entón embárcome nunha espiral de tratar de salvar o que somos; nese momento o único que pasa pola túa cabeza é que o teu proxecto e as persoas que forman parte del non desaparezan. Tráxicos días vividos ao comezo de todo isto, tantas preguntas, tantos lamentos, tanta impotencia tórnanse nun agarrotamento brutal.”
E a vida de golpe párase…e nos para e, tras uns días dese agarrotamento, nas cabezas de moitas persoas empezan a fluír ideas, sensacións e emocións que quedaran durmidas por mor do ritmo frenético, o estrés e a burbulla na que vivimos cada día. “Que podo facer, que se pode facer? e nada sae da túa cabeza, soamente a tan socorrida frase de como me gustaría… pero todo esvaécese entre as paredes da túa casa.” E entón, unha clienta de Juan mándalle un whatsapp falándolle da iniciativa que está levando a cabo World Central Kitchen e algo se activa. Comezan as chamadas para intentar ver como funciona e como se pode traer a Galicia. Tras varias charlas con Javier Olleros e Lanzada Calatayud, do Consorcio de Turismo de A Coruña, comezan a organizarse para traer World Central Kitchen á cidade herculina.
Vertébrase todo en torno ao restaurante do hotel NH Finisterre, o seu cociñeiro Tito Fernández, os cociñeiros Iván Domínguez de NaDo, Álvaro Victoriano de Peculiar, o propio Juan e unha boa cantidade de ONGS e asociacións que levan longo tempo axudando a distintos colectivos con necesidades na cidade. “Nós poñemos parte do traballo, o produto chega a través de Makro e de donacións da xente”. Un equipo formado por persoal do sector hosteleiro encárgase de facer os pedidos e elaborar os menús, mentres que as ONGS Reto a la Esperanza, Renacer, Remar, Padres Franciscanos, Fonte da Vida, Feafes Galicia, Comedor Monte Alto e Cocina Económica A Coruña, xunto coa axuda de voluntarios do Concello da Coruña, e coa xestión do Banco de Alimentos, son as encargadas de que cada menú chegue ás persoas que o precisan.
Comezaron cociñando e entregando 300 menús diarios pero a día de hoxe a cifra xa ascendeu a mil. “Cada vez chega máis xente. Moitas persoas que nin sequera teñen cociña onde poder preparar a comida. Cando comecei con todo isto pensei que iría destinado principalmente a dar de comer a persoas maiores que non teñen a ninguén que lles bote unha man pero agora son consciente da cantidade de xente que precisa axuda para poder comer todos os días. Xente de perfís moi diferentes. Non nos damos conta da situación extrema á que están expostas moitas persoas da nosa contorna. Algo que agora foi a máis porque moitos perderon o seu traballo pero que xa era así antes da pandemia”
E a pregunta agora é “qué vai ocurrir cando abramos? Porque esta necesidade non remata cuns meses de axuda. Ainda non o sabemos. Quizais unha opción sería abrir unha especie de cociña de campaña e darlle outra volta. O que está claro é que hai moita xente con ganas de colaborar. Agora mesmo só na parte de cociña somos unhas 55 persoas e moitas outras que chamaron ofrecéndose para botar unha man.”
Quizais todo se resuma en que entre todos nos preocupemos porque un dereito tan fundamental como a alimentación se cumpla. Nun alarde de optimismo, cabe pensar que quizais todo este parón e todo este reseteo social nos faga pensar máis como colectivo e sexamos capaces de deixar a un lado os nosos egoísmos individuais e reflexionar máis sobre o lugar que cada un ocupamos nesta sociedade. Porque o mundo segue xirando pero, a que ritmo e en que direción?