Falamos con Manuel Costiña sobre a reapertura

Non perder a ilusión e seguir mellorando, eses son os piares nos que Manuel Costiña sustenta a súa actitude fronte a situación que estamos a vivir. “Mentres outras persoas aproveitaban o tempo durante o confinamento para poñer bonitas as súas casas, eu fixen o mesmo, poñer bonita a miña” e así foi como o cociñeiro adicou estes meses de estar pechados a seguir mellorando o Retiro da Costiña para que a súa casa estea aínda máis bonita o próximo 23 de xuño, cando abra as súas portas.

E son moitas as novidades das que tanto os comensais como o equipo do Retiro van poder desfrutar: axardinamento completo, unha cociña de fondos, vestiarios, almacén seco, iluminación nova no comedor e teitos absorbentes de son, renovación de fornos, neveira de queixos, a instalación dun ascensor máis, a renovación das máquinas de café e a preparación dunha pranta dun edificio que se atopa a 125 metros do restaurante e que vai funcionar como residencia para os talleres do Costiña, para aloxar aos alumnos e aos traballadores que precisen quedar alí nalgún momento.

“Cada ano ou cada dous anos, en canto temos un momento de descanso, analizamos que podemos cambiar para traballar nós mellor e para que o cliente poida desfrutar máis. Hai un sentimento de inconformismo, sempre estamos pensando onde podemos facer a nosa aposta por mellorar”. E isto lles ven de longo, desde que os pais de Manuel decidiron darlle un xiro de 360 grados ao Retiro da Costiña, rexentado daquela polo seu avó, unha casa de comidas totalmente tradicional onde se bebía en cuncas de viño. Gracias aos cambios feitos polo pai de Manuel e a súa privilexiada situación, sendo a primeira casa de comidas ao entrar en Santa Comba, de camiño á Costa da Morte, rápidamente comezou a encherse de turistas. Turistas que se convertiron en referidores do restaurante e que fixeron que o Retiro da Costiña sexa, a día de hoxe, coñecido a nivel internacional.

Súmase a todo isto que o Retiro da Costiña sempre foi un restaurante de servizos, de invertir en atopar solucións, “que xurde a lei do tabaco? pois montamos un clube de fumadores; para evitar que a xente conduza? ofrecemos un servizo de recollida de clientes”. E por iso agora, debido a que un 40% da súa clientela é internacional e un 30% nacional, estanse a plantexar un novo proxecto: ofrecer aloxamento preto do restaurante, xa que moitos destes clientes o demandan e ademáis desta forma “podemos ampliar a experiencia gastronómica á experiencia de pasar alí a noite e almorzar ao día seguinte”.

A maiores destes cambios no local, durante estes meses todo o equipo traballou para mellorar a oferta gastronómica; por exemplo, Hugo, o sommelier, estivo facendo un traballo de investigación revisando bodegas que queiran incorporarse á carta, o pasteleiro estivo reformulando ideas de xeados, etc. “Temos que intentar ser mellores e ofrecer cousas diferentes e de maior calidade. Galicia ten produtos exclusivos, hai que apostar por isto. Cada día hai que ser mellor ou polo menos intentalo”

Hoxe en día a xente demanda experiencias e isto é algo que teñen moi claro no restaurante de Santa Comba onde se preocupan de que parte desa experiencia sexa acudir ao destino e sentirse especial. “ Necesitamos os nosos momentos de ocio e agora a xente vai ser selectiva. Eu vou intentar facer moito mellor o que estaba facendo e que os meus clientes se sintan o máis a gusto posible. A xente precisa desfrutar e desconectar.”