Máis de 200 persoas maiores desfrutaron de obradoiros de cociña impartidos por cociñeiros NOVE nunha iniciativa na que participaron FAMYC, Afundación e GADIS

Os obradoiros celebráronse e o  luns 2 de decembro en oito cidades galegas de forma simultánea nos espazos+60 de Afundación e cada un estivo guiado por dous cociñeiros NOVE.

Con esta acción buscouse mostrarlles ás persoas maiores que viven soas como elaborar un menú saudable e equilibrado gastando pouco diñeiro, aproveitando ao máximo a súa compra, ensuciando o menos posible e dedicándolle escaso tempo. 

Os obradoiros tiveron lugar nos Espazos +60 de Afundación da Coruña, Lugo, Monforte, Ourense, Pontedeume, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo, e estiveron enfocados a mostrarlles aos asistentes como deseñar un menú saudable e equilibrado sen gastar moito na compra, aproveitándoa ao máximo e sen ter que levar a cabo unha preparación complicada nin que implique moito tempo. O que se pretendeu con esta acción é facilitarlles o seu día a día ás persoas maiores que viven soas, achegándolles, ademais, consellos para evitar intoxicacións e para a boa conservación dos alimentos.

Unha das cidades onde se puido disfrutar da cociña de NOVE foi Vigo, onde Alberto G. Prelcic (Silabario) preparou, entre outras cousas, un potaxe de vixilia; en Monforte, Álvaro Villasante (Paprica) e María Varela (A Parada das Bestas) ensinaron o bo aproveitamento dunha pescada; na Coruña, Javier Rodríguez “Taky” (responsable do catering Boketé) e Iván Domínguez (NaDo) centraron parte do seu menú na boa utilización das patacas. En Santiago estiveron cociñando Lucía Freitas (A Tafona) e Juan Crujeiras (Bido); en Pontevedra, Rafa Centeno (Maruja Limón), en Ourense, Daniel Guzmán e Julio Sotomayor, de Nova; en Pontedeume, Daniel López (O Camiño do Inglés) e en Lugo, Héctor López (España) e Antonio Botana (Ramonita).

Nalgúns dos obradoiros contouse co apoio dos nutricionistas Oliver Sambad Baliña, Lucía Miyar, David Torres, Sara Rivas, Laura Campello e Mónica Vicho que achegaron máis información sobre hábitos de alimentación saudables. Ademais 

contouse coa axuda de varias voluntarias de FAMYC e do apoio de Grandes Amigos Vigo e de ATEGAL.

Esta iniciativa comezou hai tres anos da man de FAMYC Ferrolterra (Fundación de Axuda a Maiores e os seus Coidadores), coa realización de cinco obradoiros semellantes que foron impartidos nas cidades de Ferrol e Narón polo cociñeiro NOVE Daniel López e a nutricionista e farmaceútica Susana Oreona. Desde NOVE apreciouse o bo facer de FAMYC, o bo resultado obtido e a necesidade de accións deste tipo para unha parte importante da nosa sociedade e decidiron amplialo a toda Galicia para chegar ao maior número de maiores posible. Isto foi posible grazas a Afundación, unha das entidades máis recoñecidas da nosa comunidade na promoción do envellecemento activo e saudable, que aportan os seus espazos e ao 

seu equipo e a Gadis, que ven de colaborar co Grupo Nove e Fagal (Federación Alzhéimer Galicia) na edición do recetario ‘Os sentidos da Memoria’, un claro exemplo do compromiso que Gadis ten coa sociedade, e que neste proxecto aporta os produtos eo seu patrocinio. 

“Cociña +60. Receitas de vida” é un proxecto organizado por NOVE xunto con FAMYC, Afundación e GADIS.