Héctor López, do restaurante España, novo presidente da agrupación de cociñeiros NOVE.
O cociñeiro lucense formará equipo directivo xunto con Lucía Freitas, Javier Rodríguez Ponte “Taky” e Juan Crujeiras
Tras 4 anos encabezando o grupo, Daniel Guzmán deixa a presidencia arropado polas palabras de agradecemento dos seus compañeiros e compañeiras da agrupación. E a deixa en mans de Héctor López, que presentou como proposta para a súa presidencia rodearse dun equipo de traballo formado por Lucía Freitas (Restaurante A Tafona), Javier Rodríguez Ponte “Taky” (Responsable do catering Boketé) e Juan Crujeiras (Restaurante Bido)
A nova presidencia de NOVE quere continuar co percorrido destes últimos anos, fomentando a cultura gastronómica e achegándoa ao maior número de persoas a través da educación, da formación e do fortalecemento da cadea de valor.
Así mesmo, desde a directiva de NOVE e seguindo o sentir xeral do grupo, a intención é seguir apostando por accións de carácter social como as que se levaron a cabo o último ano. Exemplos disto son a colaboración no proxecto “Os Sentidos da Memoria” de FAGAL (Federación Alzheimer Galicia), os talleres de cociña “Cociña +60. Receitas de vida” para persoas maiores que viven soas e que NOVE levou a cabo xunto con FAMYC, AFundación e Gadis, a súa colaboración como xurado no concurso de cociña “En ASPACE cociñamos xuntos” organizado pola federación de parálise cerebral ASPACE ou a súa colaboración co festival solidario para persoas solidarias Nos Seus Pés.
Tamén consideran un obxectivo de futuro seguir potenciando a relación co norte de Portugal, para o cal estanse agora mesmo deseñando varias accións e xa se está a executar a primeira, “Un café con NOVE – Portugal”, un proxecto de NOVE e Cafés Candelas consistente nunha serie de vídeos que rexistran conversas entre cociñeiros NOVE e cociñeiros de prestixio do norte do país veciño.