Nove inicia negociacións coa Xunta apostando por unha reconstrución da hostalería desde a raíz

A agrupación de cociñeiros solicita un plan a longo prazo que asegure as axudas durante polo menos un ano tras a apertura.

Abrir con garantías e a existencia dun apoio real aos hostaleiros para que poidan permanecer pechados ata que a situación sexa máis estable é unha das súas demandas.

Nas últimas semanas a agrupación de cociñeiros NOVE mantivo un diálogo directo coa Xunta de Galicia, en concreto coa súa consellería de Turismo, para intentar atopar unha solución á situación que está a vivir a hostalería nestes tempos de pandemia. Partindo da premisa de que o primeiro e máis importante é a seguridade a nivel sanitario e ter moi en conta as cifras, o grupo puso sobre a mesa unha serie de peticións e de aportacións que consideran necesarias para entre todos iniciar unha reconstrución real da hostalería.

Desde NOVE manifestan a importancia de abrir con garantías. É preferible permanecer máis tempo pechados se iso garante unha reapertura máis segura a nivel sanitario e a nivel económico, xa que abrir e pechar constantemente destroza os negocios. Pero estes peches deben ir acompañados de axudas económicas que permitan aos negocios subsistir mentras non estean funcionando; o peche debe ser un peche con apoio, con axudas reais que se manteñan durante un ano tras a apertura dos establecementos para poder comezar esa reconstrución da hostalería cunha base solida.

A agrupación de cociñeiros galegos defende que esa reconstrución sexa desde a raiz. É preciso elaborar entre todos os axentes implicados – hostaleiros, produtores, escolas, economistas, médicos, etc – un plan de reconstrución serio, sostible e moi humano. As crises son tamén unha oportunidade de mellora. É primordial mellorar a hostalería e isto so será posible partindo da base e apostando pola educación e a sostibilidade. Aproveitar o incrible potencial da hostalería galega e darlle o lugar que merece debe ser un obxectivo prioritario, fomentando Galicia como destino seguro, saudable e sostible onde os protagonistas sexan o produto de calidade, un respeto ao mesmo ao longo de toda a cadea e unha educación que potencie o coñecemento sobre a gastronomía galega e as súas posibilidades.

NOVE considera necesaria a constitución dun comité de expertos procedentes de diferentes sectores que traballen nesta reconstrución. Unha reconstrución que debe ir pouco a pouco, como un traballo de fondo, asentando ben os cimentos, con vistas a longo prazo e que consiga deixarlle as novas xeracións unha hostalería de calidade, con mellores condicións e con máis estabilidade.