NOVE e Estrella Galicia unen forzas para axudar a lograr unha hostalería sostible

 

A agrupación de cociñeiros e cociñeiras NOVE e a marca cervecera asinaron o 7 de marzo en MEGA – Museo Estrella Galicia un convenio de colaboración para o ano 2022.

Dentro do convenio realizaranse diferentes accións dirixidas a crear unha hostalería máis sostible, apoiar ao produto e aos produtores locais e concienciar sobre a importancia de coidar un dos nosos principais recursos, o mar.

 

NOVE e Estrella Galicia renovan a súa relación potenciando os obxectivos e os valores comúns. Entendendo este momento como unha época de cambio, ambas marcas queren aproveitar para levar a cabo accións que reforcen a hostalería e que apoien a sostibilidade e o impacto positivo.

Dentro do convenio englóbanse tres accións que se levarán a cabo ao longo do ano 2022 coa idea de que non sexan accións illadas senón que teñan unha continuidade no tempo e con nexos de unión entre todas para que o impacto sexa maior.

A primeira acción, xa pechada e definida, terá lugar na segunda metade de maio e consistirá nun encontro entre cociñeiros e cociñeiras NOVE e hostaleiros de Galicia. Neste encontro os cociñeiros NOVE compartirán os seus coñecementos sobre sostibilidade e a súa experiencia na obtención do certificado ISO 14001 cos seus compañeiros. Esta norma proporciona un marco de referencia para protexer o medio ambiente e responder ás condicións ambientais cambiantes, en equilibrio coas necesidades socioeconómicas, establecendo uns requisitos que posibiliten que unha organización mellore o seu desempeño ambiental.

A sostibilidade só vai existir se vai da man da autenticidade.
Roberto Filgueira, cociñeiro de NOVE

En outono celebrarase unha segunda acción enfocada a potenciar a cadea de valor e concienciar da importancia de consumir produtos locais e de tempada. Para NOVE é fundamental a relación estreita cos produtores da contorna e por iso queren adicar esta acción a darlles o protagonismo que merecen, a presentar os seus proxectos e a poñer diferentes temas en común con eles.

É importante concienciar de que o local é o que fará mover o mundo.
Daniel Guzmán, presidente de NOVE

A idea é celebrar diferentes eventos vinculados coa tempada onde os cociñeiros e cociñeiras NOVE e os produtores e produtoras poñan en valor o produto local e esperten o orgullo do que temos. Nestes encontros, Estrella Galicia e NOVE apadrinarán proxectos locais de pequenos produtores ofrecendo aos asistentes conversas cos produtores implicados sobre temas de interese.

A terceira acción, pendente de definir, irá dirixida a concienciar da importancia de coidar os nosos recursos e en especial o mar, clave na nosa gastronomía e xerador dun grande número de postos de traballo.Para deixar un mellor futuro para as nosas fillas e fillos é preciso mellorar a situación actual e frear o uso dos plásticos, que acaban contaminando o mar, entendendo a repercusión que ten isto na nosa saúde e na nosa economía.

Con estas tres accións, NOVE e Estrella Galicia renovan a súa estreita colaboración e aúnan esforzos para lograr un dos seus principais obxectivos: atopar solucións para axudar a reconstruir a hostalería desde a raíz e así deixar como legado ás xeracións futuras unha hostalería máis sostible.