Alguén cercano a Juan nalgún momento pensou que lle podería gustar a cociña e foi así como a casualidade levouno a namorar do que é agora o seu hobby, a súa paixón e a súa forma de vida.
Tras atopar o seu camiño, seguiu adquirindo experiencia en diversas cociñas de Galicia ata acadar un dos recoñecementos máis importantes da súa vida profesional, abrir o seu primeiro restaurante, A Estación en Cambre co que logrou unha Estrela Michelin e un Sol Repsol. Actualmente compaxina o seu novo proxecto, Bido, coa súa tarefa como profesor no instituto Fragas do Eume en Pontedeume, onde trata de trasladar a súa experiencia ás novas xeracións de cociñeiros. Gústalle aproveitar os coñecementos, os sabores tradicionais e a súa experiencia vital como fontes de inspiración, pero partindo sempre dun bo produto.
Cal é a túa aposta en NOVE? Seguir liderando a cociña contemporánea galega, sumando novos cociñeiros ao grupo e sobre todo facer frente aos novos retos da gastronomía actual, de responsabilidade ambiental, social e empresarial.
Define a túa cociña nunha frase Unha cociña moi persoal, cercana ás raíces galegas, á contorna. Unha cociña de produto, cálida, mariñeira e de tempada. Unha cociña directa, sen artificios.