A agrupación de cociñeiros galegos suma así 24 membros, entre os cales figuran 9 restaurantes con estrela Michelín e 26 soles Repsol.
Os cociñeiros e cociñeiras Nove decidiron incorporar ao grupo a Daniel López, María Varela e Caco Agrasar sendo fieis a un dos seus principios: apoiar as persoas que están no camiño da excelencia na hostelería en Galicia.
Os novos membros únense a Nove orgullosos e motivados por comezar a pertencer a unha agrupación gastronómica que é un referente en Galicia e que amosa a nivel internacional a cociña da terra.
Caco Agrasar entra en Nove da man de As Garzas, restaurante que herdou dos seus pais no 2002 e no que actualmente tamén está intervindo o seu fillo. Un proxecto que xa vai pola terceira xeración e cuxa cociña en evolución, baseada no recetario tradional e nos mellores produtos da zona de Malpica, onde está situado, faille ostentar unha estrela Michelín desde o ano 2010.
A de María Varela é unha aposta polo rural, pola natureza e polos pequenos produtores asentados na comarca de A Ulloa, o lugar no que A Parada das Bestas, ademáis de aloxamento, ofrece unha cociña sinxela elaborada con produtos da mellor calidade, na que o queixo con denominación de orixe, as carnes, os galos de Mos e a horta propia son os protagonistas.
A tan só uns meses de cumprir os 10 anos, O Camiño do Inglés, que conta co distintivo Bib Gourmand, é a carta de presentación de Daniel López, un cociñeiro que en tempos de crise apostou pola gastronomía na cidade de Ferrol e que nos últimos anos foi quen de facer que a súa cociña de mercado fose evolucionando e manténdose fiel a súa filosofía: facer pratos baseándose nos produtos da terra e no recetario galego e foráneo que conten pequenas historias e que teñan conexión co territorio.