Daniel Guzmán, do restaurante Nova, novo presidente da agrupación de cociñeiros NOVE

 

O cociñeiro ourensán formará equipo directivo xunto con Javier Olleros, Álvaro Villasante e Daniel López

Esta mañá tivo lugar no C.I.F.P. Compostela Lamas de Abade o acto de votación de Daniel Guzmán como novo presidente de NOVE. Tras 9 anos encabezando o grupo, Miguel A. Campos deixa a presidencia arroupado polas palabras de agradecemento dos seus compañeiros e compañeiras da agrupación. E a deixa en mans de Daniel Guzmán, que presentou como proposta para a súa presidencia rodearse dun equipo de traballo formado por un voceiro de cada provincia. Deste xeito Javier Olleros (Culler de Pau) representará a Pontevedra, Álvaro Villasante (Paprica) a Lugo, Daniel López (O Camiño do Inglés) á provincia da Coruña e o propio Daniel Guzmán (Nova) á provincia de Ourense.

NOVE inicia nova presidencia con ganas de seguir camiñando cara os obxectivos que este ano o grupo perfilou con máis precisión coa actualización do seu decálogo. Seguir fomentando a cultura gastronómica e achegala ao maior número de persoas a través da educación, da formación e do fortalecemento da cadea de valor seguirá sendo o obxectivo principal, así como levar a cabo accións que potencien a sostibilidade, a responsabilidade coa contorna, a economía circular e o respecto ao produto.