Cociñeiros NOVE participan nun encontro organizado por Estrella Galicia para analizar os retos dunha hostalería que xere un impacto positivo real
Estrella Galicia organizou o luns 13 de xuño en Vigo un evento no que catro cociñeiros NOVE compartiron os seus compromisos e boas prácticas para facer os seus negocios máis sostibles con outros hostaleiros galegos.
Pepe Solla, Julio Sotomayor, Pepe Vieira e Álvaro Villasante impartiron unha serie de charlas para dar a coñcer os seus procesos e recursos máis responsables abordando temáticas diversas desde a súa experiencia persoal e profesional. Así, Pepe Solla impartiu unha charla titulada “Hostalería eficiente”; Julio Sotomayor, “Apoiando a orixe”; Pepe Vieira, “A horta ecolóxica”; e Álvaro Villasante, “Reciclar, reutilizar, reducir”.
“Poñer o forno e compatibilizar diferentes coccións á vez. Non desperdiciar auga coma senon houbera un mañá…Os cociñeiros moitas veces somos impulsivos ou pasionais e deberíamos pararnos, mirar desde arriba e analizar o que está a suceder”, reflexionou Julio Sotomayor, do restaurante ourensano Nova.
Pola súa parte, Pepe Vieira, chef do Restaurante Pepe Vieira de Pontevedra, destacou que “saír á rúa e comer algo que están facendo no momento, coma o polvo á feira, é algo imbatible. Ocorre o mesmo coa horta e a posibilidade de ter produtos que non pasan pola cámara frigorífica, os produtos manteñen o seu verdadeiro sabor”.
O obxectivo das intervencións era compartir con diversos hostaleiros galegos a súa experiencia para fomentar unha hostalería sostible, impactar positivamente na comunidade local e protexer a biodiversidade da contorna.
Ás charlas seguíronlle catro mesas redondas, unha por tema, nas que cada cociñeiro NOVE reuniuse con dez hostaleiros para debatir sobre a situación actual e obter conclusións.