Comunicado de NOVE sobre a situación no sector hostaleiro

Foi este último ano e medio tempo de asumir unha situación de risco, unha situación da cal no sector hostaleiro estivemos pendentes para entendela e adaptarnos a ela, sendo moi conscientes en todo momento de que se trata dunha pandemia mundial e de que o primeiro, sempre, é a saúde. Sabiamos que había que perder para gañar todos. Tocaba, polo tanto, mostrarse dispostos a facer todo o preciso, asumir peches, reducción de aforos… e así foi, o fixemos, en moitos casos incluso a pesar de ser máis que evidente a falta de planificación e de traballo tras esas decisións.

Ademais, ante a situación devastadora para a hostalería, ofrecímonos para formar un grupo de traballo xunto con expertos procedentes de distintas disciplinas para atopar a solución adecuada a unha situación a esas alturas totalmente descontrolada pola falta de previsión e traballo, pero non se nos tivo en conta.

Chegados a este punto, tras asumir todas as medidas, protocolos, normas e peches e despois dun ano e medio de descontrol, de falta de planificación e de escoita por parte do goberno competente, seguimos alerta para calquera situación pero cansos de decisións que consideramos que están xerando caos e incerteza e que indican o pouco interese que existe en buscar equilibrios e que non paguen sempre os mesmos.

Dado que a situación actual non é a mesma que a de meses pasados, algo deberiamos ter aprendido para poder atopar outras solucións e non impoñer normas froito de batallas estériles entre políticos máis preocupados por defender as súas ideas por cuestións partidistas que por apoiar a un sector ao cal están levando a ruína. Resulta evidente, unha vez máis, o alonxadas que están esas políticas das realidades que sufrimos os cidadáns, neste caso o sector da hostalería.

É imprescindible que non se debilite máis o sector, un sector que por si mesmo conta con elementos de risco como a precariade laboral ou a estacionalidade. Sen un plan de rescate firme e responsable, a hostalería vese abocada a tocar fondo e canto máis tempo pase máis complexo será recuperar un sector fundamental para a economía do país. É o momento de fortalecer as empresas pero sobre todo de entendelas.

O sector hostaleiro necesita solucións realistas acordes coa situación actual que protexan a saúde e respecten o noso traballo. Desde NOVE vamos a seguir poñendo todo o noso esforzo en traballar coa máxima seguridade, como fixemos ata agora pero negámonos a seguir acatando normas inxustas e impulsivas resultado dunha falta de organización, planificación e traballo, que nos deixan á deriva. Desta forma, asumimos como sector que temos que xestionar nós as nosas empresas ou negocios coa responsabilidade, a lóxica e a obxectividade coa que non as xestionan outros.