Cociña +60. Receitas de vida”: unha iniciativa para achegar cociña saudable e accesible ás persoas maiores.

O proxecto “Cociña +60. Receitas de vida” nace coa vontade de mellorar a calidade de vida das persoas maiores a través da alimentación, achegándolles recursos prácticos para cociñar de forma saudable, sinxela e económica. A iniciativa está impulsada por NOVE, en colaboración con FAMYC, Afundación e GADIS, e diríxese especialmente a persoas maiores que viven soas, co obxectivo de facilitarlles o día a día na cociña.

A actividade principal do proxecto consiste en obradoiros prácticos impartidos por cociñeiros do Grupo NOVE en distintos puntos de Galicia. Nestes talleres, os asistentes poden aprender a preparar menús equilibrados con produtos de tempada, aproveitando ao máximo os ingredientes, reducindo o desperdicio e sen necesidade de empregar moito tempo nin facer un gran gasto económico.

Trátase dunha proposta que combina gastronomía, saúde e compromiso social, na que tamén participan nutricionistas que ofrecen recomendacións para unha alimentación axeitada á idade, consellos para a boa conservación dos alimentos e pautas para evitar riscos como as intoxicacións alimentarias. Ademais, o ambiente dos obradoiros favorece a socialización e o encontro, factores clave para combater a soidade non desexada.

A primeira edición a nivel galego celebrouse o 2 de decembro de 2024, cun total de oito obradoiros simultáneos nos Espazos +60 de Afundación, repartidos entre as cidades da Coruña, Lugo, Monforte, Ourense, Pontedeume, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo. Participaron máis de 200 persoas maiores, que puideron coñecer de primeira man técnicas e receitas da man de recoñecidos chefs do Grupo NOVE, nun formato adaptado ás súas necesidades.

Esta iniciativa ten a súa orixe nun proxecto piloto posto en marcha por FAMYC Ferrolterra hai tres anos, que contou co apoio de profesionais da cociña e da nutrición e que tivo moi boa acollida. A partir dese éxito inicial, e grazas ao compromiso conxunto das entidades organizadoras, “Cociña +60” deu o salto para chegar a toda Galicia.

Desde NOVE, esta proposta supón unha mostra máis do valor que a gastronomía pode ter como ferramenta de transformación social, conectando xeracións e promovendo un estilo de vida máis saudable, consciente e inclusivo.